… E por fin a gran festa para a cativada e as familias. O FESTICHÍO! chega cunha morea de actividades dende os 0 anos en diante no arboredo da Xunqueira o venres 14 de xuño. Un serán cheo de arrolos, cancións, bailes e xogos!

Programa:

Ás 18.30 h: FUNDACIÓN LEGAR: ARROLAR. Sesión de arrolos, cantigas de berce e nanas acompañados de instrumentos musicais de raíz. Recomendado para familias con bebés de 0 a 3 anos. Recomendamos traer unha mantiña para sentar na herba!

Ás 19.15 h: MARÍA FALTRI: PICADISCOS. Sesión de música infantil galega para que o público miúdo xogue, se divirta e aprendan as cancións da man dos libros da pequena biblioteca ambulante que nos trae María Faltri. Recomendado dos 3 anos en diante.

De 18.30 a 21.00 h: XOGOS PAPORRUBIO. O arboredo da Xunqueira convértese nunha eira de xogos autónomos e animados de tema agrario para darnos a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxerios da nosa fauna: un paporrubio que guía as nenas, nenos e maiores por unha eira chea de xogos.

A entrada para participar en todas as actividades da festa é libre e gratuíta. Se as circunstancias meteorolóxicas impedisen a realización das ditas actividades no exterior, estas trasladaranse ao alto da praza de abastos.

Vide cantar, bailar e xogar neste serán de FESTICHÍO!

Pin It on Pinterest

Share This