Festa de Nadal no Apego o xoves 30 de decembro para celebrarmos estas datas e despedirmos o 2021 con música, teatro e ledicia. O Teatro Xofre acollerá esta festa na que gozaremos da man dos Ghazafelhos e de Magín Blanco coa súa Banda das Apertas.

Dous espectáculos na Festa de Nadal do Apego no Teatro Xofre de Ferrol:

  • Ás 12.00 h Rubicundo, de Teatro Ghazafelhos

Todas as noites Rubicundo sae na súa bicicleta enriba da árbore do seu xardín rumbo á noite pecha. Semella que ninguén repara nesta personaxe enfundada nun gabán e sombreiro de copa. Ninguén agás Erea, disposta a chegar ata o fin daquel misterio. Pois así era esta rapaza, curiosa e soñadora… Rubicundo cóntanos unha fermosa historia sobre a amizade, a constancia e a poesía, abríndonos a posibilidade de perseguir os nosos soños sen sentir límites nin distancias. Está baseado na novela homónima de María Canosa finalista no premio da XXIX edición do Merlín de literatura infantil 2014

  • E á tardiña, ás  19.00 h, A banda das apertas, de Magín Blanco

A Banda das Apertas é o formato musical de Magín Blanco acompañado polos músicos Jorge Juncal, Jerry Noia, Suso Lorenzo e pola voz de María Faltri, e así musican para o público infantil e familiar as Aventuras da nena e o grilo, descubrindo os seus segredos a través de canción. O meu país, Don Ramón, A formiga Lúa, Todos somos capitáns ou rock&roll dragón son algúns dos clásicos que fan cantar e bailar a pequenas e maiores

Entradas

As entradas para cada un destes espectáculos- de carácter gratuíto- poderán retirarse o mesmo día unha hora antes do comezo de cada un deles no despacho de billetes do teatro.

Pin It on Pinterest

Share This