Unha xornada festeira para gozar en familia nestas datas de ilusión e maxia para os máis pequechos con diferentes espazos e actividades. Reservade o día!

O Auditorio de Galicia acollerá o sábado 30 de decembro a Festa Apego de Compostela con música, contos, psicomotricidade, espazos de xogo e presentacións sobre apoio á crianza.

No espazo dedicado á música teremos os Fíos do querer de Cé home orquestra, dous concertos de Pablo Díaz e un concerto final de María López e Jorge Juncal (Mami e Papi) onde presentarán o seu novo libro-disco para aprender o abecedario Fantasía coas palabras.

Os contos achégaos Andrea Bayer con Tres pilistrinas, tres pilistrolas, Fabaloba con Un bico para Alí e Anxo Moure traerá o Apalpador.

O movemento virá dirixido para os máis pequechiños pola Alfombra máxica de Mirari Urruzola e xa para os que son quen de botar un baile, polas Danzas e contos de Marcelo Dobode.

Para papás e mamás interesados en cuestións de crianza respectuosa presentaranse diferentes proxectos relacionados: ApegoAliali.gal, Escolas Infantís Municipais, Alecría, Teta e coliño, Brazolinda, Semente, Preescolar na casa e Compostela Miúda.

Tamén haberá instalados espazos de piscomotricidade, xogo libre e biblioteca, así como un xantar con Apego e prezos populares no bar para quen se anime a botar o día festeando.

Pin It on Pinterest

Share This