cartel-01-con-web

O Auditorio de Galicia vaise converter un ano máis nunha feira de contos, música, xogos, información e propostas para a crianza en que as nenas e nenos poderán gozar e socializar en galego durante todo o día. Agardámosvos o sábado, 28 de decembro de 12 a 20.30 h!

A programación ofrece actividades continuadas e simultáneas e inclúe propostas relacionadas co xogo, a creatividade manual, a danza e o movemento, a literatura, a música, as artes escénicas e o audiovisual, para que as familias teñan diversas opcións e poidan compartir un tempo e un espazo con outras familias tamén interesadas na crianza en galego.

Para a divulgación de recursos contaremos cunha feiriña onde diferentes servizos municipais e empresas privadas presentarán proxectos, libros, música, xogos e outros materiais directamente relacionados coas idades do programa Apego. Tamén teremos oportunidade de saber de libros, xogos, xoguetes, aplicacións, materiais… no espazo Alialí.gal.

Da música vanse encargar Paco Cerdeira coas Parábolas de Pakolas e mais María Fumaça coa presentación do seu novo traballo O veleiro verde.

Dúas pezas teatrais dirixidas a diferentes idades van vestir o espazo dedicado ás artes escénicas, son: Nube, nube, sol de Teatro ao Cubo e Patapatum de Elefante Elegante.

Haberá contos e monicreques en diferentes espectáculos: Bichocas e Utopías de Atenea García, Barquiño de pau da Tropa de Trapo e O castiñeiro do Apalpador de Fantoches Baj.

No espazo dedicado á danza e o movemento contaremos con Mercedes Prieto (Pesdelán) que dirixirá dous obradoiros para diferentes idades tamén: Ninananas (non andantes) e Zampadanzas do mundo (a partir de 2 anos).

Os obradoiros de Xandobela darán pé á creatividade manual e poderemos fabricar e levar para a casa os nosos propios Morcegos Boliches.

Haberá espazo para o xogo libre con miles de pezas dos materiais naturais de Terra miúda (Miudiño) e mais para o xogo de mesa con sentido educativo, cultural e lingüístico de Brazolinda Xogos.

O espazo dedicado aos audiovisuais emitirá en bucle, ademais d’ As aventuras de Po do programa Apego, capítulos cedidos polas produtoras OQO, Ficción e CTV das series infantís: Caracois e Cocorico, Tutu e As aventuras de Minchi.

Ademais, contaremos cun espazo lector grazas á achega dos libros das bibliotecas dos centros socioculturais, con servizo de bebeteca atendido por Gaia Ecocrianza e cun menú adaptado ás familias con crianzas na cantina do Auditorio (cómpre reservar).

Non iredes quedar na casa?

Toda a información en:

delingua.santiagodecompostela.gal

 

Pin It on Pinterest

Share This