O Pazo da Peregrina e mais o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerán a I Festa do Apego do Concello de Ames. As actividades comezarán o venres, 11 de setembro, ás 17.00 horas, no Pazo da Peregrina, co obradoiro de cantos de berce O son que me arrola, da Asociación Antonio Gandoy. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

As actividades do venres continúan ás 19.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns coa obra de teatro Ris Ras, da compañía Baobab Teatro. Trátase dunha viaxe musical a través de xogos, enredos e outras historias, que está dirixida a nenos e nenas de 0 a 8 anos.

O sábado, 12 de setembro, as actividades comezarán ás 11.00 horas no Pazo da Peregrina coa compañía teatral Tropa de Trapo. Esta compañía porá en escena o espectáculo Barquiño de Pau, que está dirixido a crianzas de 0 a 6 anos. Trátase dunha actividade de teatro de obxectos e música para explorar os sentidos e as emocións.

A continuación, ás 12.00 horas, tamén no Pazo da Peregrina, haberá unha sesión de narración oral denominada Contos, lerias e cousas pequenas, a cargo de Vero Rilo, para nenos e nenas a partir dos 3 anos. Ás 13.00 horas chega Pakolas ao Pazo da Peregrina para ofrecer un divertido concerto con cancións para rockear, soñar, aprender e non parar de bailar.

Pola tarde, haberá dúas actividades no Pazo da Peregrina: ás 17.00 horas impartirase a sesión de contos Carvalho Calero no Carreiro, a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Nesta actividade compartiremos contos e cantos da tradición oral galega e portuguesa, que están dirixidos a un público familiar. Ademais, ás 18.30 horas haberá unha Foliada con Apego dinamizada por Silvia Cerneira da Banda da Balbina.

Por outra banda, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20.30 horas, Magín Blanco e a Banda das Apertas ofrecerán un concerto de música infantil para cantar e bailar en familia.

Actividades permanentes

Ao longo de todo o día haberá dúas actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 10.00 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Unha delas será o Espazo Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que a pon a dispor das familias. A outra actividade permanente será o Espazo recursos, no que haberá unha ampla mostra de recursos para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos…) e asesoramento a cargo de Fabaloba.

Os impresos de inscrición poden descargarse na seguinte ligazón

Folla de inscrición Festa do Apego en Ames

Pin It on Pinterest

Share This