Disque pola Candeloria, o 2 febreiro, casan os paxariños… Non sabemos se o farán con papeis polo medio ou se se xuntarán sen máis. Tampouco sabemos se algún deles fará de testemuña ou deixarán que as árbores e o vento se ocupen dese labor. O que si parece seguro é que neste mes as aves andan a namoriscar unhas con outras de póla en póla. Pode ser logo bo momento para darmos un paseo e mirar para o alto a ver se somos nós testemuñas dalgunha cerimonia de amor.

O exercicio proposto para este mes ten que ver así cos nomes dos lugares do noso concello referidos ás aves porque… sabedes que os topónimos poden contarnos moito sobre os animais e as plantas que atopamos alí ou que houbo no pasado?

Ademais, temos preparado un feixiño de actividades para gozar coas crianzas e… tamén en galego!

  • Puño, puñete! de Baobab Teatro, o sábado 9 de febreiro no CC de Santa Marta ás 17.30 h. Un espectáculo musical  onde se fai da palabra, a música, as cantigas… un medio de comunicación básico e marabilloso coas nosas crianzas. De 1 a 7 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.
  • Rosalía pequeniña de Uxía, o sábado 23 de febreiro no CC de Conxo ás 12 h. O xa coñecido disco de Uxía Senlle recolle poemas da nosa icona colectiva en canto a cultura, defensa da lingua e carácter feminista: Rosalía de Castro. En conmemoración do Día de Rosalía. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.
  • Comerá o bebé? de Cris de Caldas, o martes 26 de febreiro no CC do Ensanche ás 17 h. Contos, poemas, xogos de mans e música onde se presenta unha magnífica recompilación da nosa tradición oral relacionada coa hora de comer. De 6 meses a 3 anos. Inscrición previa do 12 ao 20 de febreiro en dlg@santiagodecompostela.gal

E para as máis grandiñas…

  • Pavillón Lino de Caramuxo Teatro e mais dúas actividades vencelladas, o sábado 16 de febreiro ás 18.30 h. Homenaxe ao desparecido Pavillón Lino da Coruña, espazo cultural de estética modernista dedicado a todo tipo de actividades artísticas. Trepidante comedia de variedades pola que desfilarán unha morea de pintorescos personaxes. A partir de 5 anos. Entradas á venda en compostelacultura.gal
  • A viaxe de Rosalía de Babaluva Monicreques, o domingo 24 de xaneiro no CC do Ensanche ás 12 h. Afondar na figura de Rosalía de Castro é sempre unha boa ocasión para reflexionar sobre o pasado e o futuro da nosa lingua e cultura. A partir de 6 anos. En conmemoración do Día de Rosalía. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Gozade da programación e dunha crianza feliz e en galego!

apego.santiagodecompostela.gal

Pin It on Pinterest

Share This