O mes de febreiro chega cargadiño de Apego a Pontevedra! Queremos arroupar e acompañar a crianza en galego con actividades nas que aprendades distintos recursos e ferramentas para medrardes na nosa lingua! Aínda que todas as actividades son de balde, cómpre que vos inscribades previamente en apuntate.pontevedra.gal, xa que a cabida é limitada.
Estas son as actividades que temos preparadas para febreiro:
A programación inclúe dúas propostas específicas para os primeiros meses de vida. A primeira, Música na pel, vén da man do Espazo Educativo Arkhé, que impartirá un obradoiro para que as familias con bebés de máis de dous meses e que aínda non se despracen aprendan unha rutina de masaxe equilibrada, acompañada de arrolos, cancións tradicionais e xogos de tacto. A segunda, Arrolar, é unha proposta da Fundación Legar orientada a familias con crianzas de 0 a 15 meses na que aprenderemos a usar arrolos e cantigas de berce para crear espazos de relaxación e calma.
Outras actividades están orientadas a familias con crianzas ata o 3 anos. É o caso de Corochas, de Atenea García, unha sesión de narración oral, música e obxectos baseada do conto acumulativo, o xogo de imitación e a canción. Tamén a Fundación Legar impartirá un obradoiro dirixido a familias con crianzas desde os 15 meses ata os 3 anos, Arrolar e bailar, no que ademais de aprender arrolos, poderán gozar con cantigas e bailes de roda en familia.
Para familias con crianzas de 3 a 6 anos é a proposta Cucú tapa o cu, un obradoiro deseñado por Lorena Pinheiro para aprender xogos e enredos do noso patrimonio cultural inmaterial: trabalinguas, adiviñas, recitados, cantigas e bailes cos que xogar en calquera contexto ou lugar.
A programación remata o 27 de febreiro con Triscus Beliscus, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, un obradoiro de narración oral e música para contar, xogar, cantar e bailar que estará adaptado a todas as idades, de 0 a 6 anos.
As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse aquí.
