
18/08/2026
Os martes do mes de agosto temos unha cita no parque de Bonaval! As actividades do Apego saen fóra e invítanvos a vir escoitar, participar e socializar en galego todos os martes ás 18 h na zona da plataforma dos arcos. Non esquezades traer a mantiña e a merenda que alí estarán os contos, cantos, monicreques…
Este terceiro martes de agosto, Cris de Caldas contará e cantará Tantarantiña!
Este repertorio nace do amor pola tradición popular e polas historias eternas.
Do escoitar, do contar, nace esta recompilación que reúne contos pequenos, rimas, arrolos e xogos de palabras da tradición oral, deses que se contan coa voz, co ritmo e, ás veces, cunha boa gargallada polo medio.
Algunhas son historias herdadas e outras, os contos favoritos de xeración en xeración. Todas elas pensadas para os primeiros oídos curiosos.Neste caso a proposta é sen acompañamento musical.
O acceso é aberto e de balde. En caso de choiva consultade as redes do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago (facebook e instagram).