Que viva o galego! é unha actividade de rúa na que as familias terán que superar de xeito cooperativo unha serie de probas relacionadas coa lingua galega para atoparlle a solución a un grave problema: o esmorecemento do galego. Con cada proba superada, as persoas participantes conseguirán unha pista que as encamiñará cara á solución.
As probas combinan xogo físico e intelectual: carreiras de remudas con ditos tradicionais, saltos de casas con adiviñas, cancións galegas tradicionais e actuais, trabalinguas e refráns, xogos de roda en galego, preguntas sobre escritoras e escritores da zona e sobre a súa obra literaria, bailes colectivos e xogos tradicionais adaptados para aprender palabras de diferentes campos semánticos… Ao final da xornada, o público xuntará todas as pistas conseguidas e descubrirá por fin a solución para que o galego siga vivo.
A actividade está orientada a familias con crianzas de 4 a 6 anos.
O acceso é de balde, mais require inscrición previa.