
Gran festival para familias con crianzas de 0 anos en diante: arrolos, cancións, baile e xogos populares
De 18.30 a 21 h: o arboredo da Xunqueira converterase nunha eira de xogos populares para xogar en familia coa axuda da Asociación Trebellos.
Ás 18.30 h: Xarope Tulú: Meco e Sono. Conto de arrolos para primeira infancia (0 a 6 anos). Fedello é un bebé que non durme. Parece que lle teme á Noite. Pero a Noite só quere coidalo e que descanse e envía dúas amigas para que lle axuden durmir: Meco e Sono. Cando Fedello di: “teño meco, teño sono’” aparecen as dúas ao seu carón para mecelo e cantarlle uns arrolos.
Ás 19.15 h: María Faltri: Baixo as árbores. Concerto recomendado a partir dos 3 anos. Cancións que falan de raíces, follas, paxaros e humanidade. María Faltri vén a Moaña con este concerto onde o público e o bosque crean unha paisaxe compartida. As cancións nacen da observación da vida e da natureza. Toda unha experiencia musical baixo as árbores para gozala en familia.