Corochas, cachogas, celigras, cóchegas, coscas, deligras ou cóxegas: sensación que experimenta alguén ao lle seren tocadas levemente certas partes do corpo e que se manifesta nun riso involuntario.
Por que será que existen tantos xeitos de chamarlles ás corochas? Pode ser que a sensación para cada unha de nós é tan diferente que non somos quen de lles poñer un nome só? Ou será que as corochas só existen á beira do mar e as cóxegas no alto da montaña…
Corochas é unha actividade dirixida á primeira infancia, que combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música. A través do conto acumulativo, da canción e xogo de imitación viaxaremos por diversas paisaxes e coñeceremos personaxes estrafalarias que deben resolver múltiples enredos.
Para familias con crianzas de 0 a 3 anos.
Cómpre inscribirse en apuntate.pontevedra.gal.