
25/08/2026
Os martes do mes de agosto temos unha cita no parque de Bonaval! As actividades do Apego saen fóra e invítanvos a vir escoitar, participar e socializar en galego todos os martes ás 18 h na zona da plataforma dos arcos. Non esquezades traer a mantiña e a merenda que alí estarán os contos, cantos, monicreques…
Para poñérmoslles o ramo aos Contos no parque deste ano temos Comisión de Festas, de Brais das Hortas.
Brais das Hortas ten un plan : armar a festa! Pero non o pode facer só, precisa unha Comisión de Festas.
Neste novo espectáculo que mistura música, clown e teatro, Brais das Hortas transformará o escenario nun torreiro en festas coa axuda do público. A música, o baile, a risa e a interacción co público irán transformando pouco a pouco o escenario nun campo da festa. E aínda hai máis! Unha galiña cantando con autotune en Tarde piaches, un baile orgulloso e diverso a peito aberto e peludo, moi peludo, en Peito Lobo…
Disto vai Comisión de Festas, de darnos conta de que, se nos xuntamos, podemos encher o mundo de alegría.
O acceso é aberto e de balde. En caso de choiva consultade as redes do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago (facebook e instagram).