No País do Vento, o Tren do Ano é longo e nunca para! Pasa por 4 estacións, 12 meses, 52 semanas, 365 días… moito traballo para un só tren!
O que ninguén sabe é que o Tren do Ano colle vacacións: en decembro descansa. No seu lugar, polas vías da vida troupelea un tranvía, pequecho, brillante, especial, cheíño de sorpresas e agasallos. É un tranvía que vai vestido de festa: o Tranvía Nadal.
Cando pasa, o sol queda quieto no ceo. Non é de estrañar. Ese tranvía garda tantas marabillas que ata o sol devece por descubrilas!
Ademais, no chucutrán, chucutrán, chucuTranvía NadaL tamén hai bailes e música a manchea…