En Carnota comezamos a primavera con moito Apego! Presentámosvos un novo ciclo de actividades, recomendadas para público familiar, a partir de 1 ano, e pensadas para favorecer a socialización en galego na primeira infancia e tecer redes coas familias para arroupar a crianza na nosa lingua.
A participación é gratuíta pero para moitas das actividades é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a cultura@carnota.gal no que se debe indicar: o nome da actividade, o nome completo e a idade das crianzas, o nome completo das persoas adultas acompañantes (máximo 2) e un teléfono de contacto. A inscrición pode realizarse ata as 14:00 horas do día anterior ao espectáculo e, unha vez feita, o SNL confirmará a admisión na actividade.Estas son as actividades programadas polo momento:
Os contos de Violeta | Bea Campos, de Migallas Teatro
Á pequena Violeta encántanlle as historias onde os nenos e as nenas poden facer as mesmas cousas. Ela sempre leva unha maleta na que garda os seus libros preferidos para compartir cos nenos e as nenas. Nesta proposta de teatro, contos e música atoparás aventuras que rompen os estereotipos e os roles asignados tradicionalmente.
Nano canta croac | Raquel Queizás
Nano canta croac cando está contento, pero hoxe está moi calado. Que lle pasa a Nano? Ás veces non é fácil saber como nos sentimos. Estamos tristes ou anoxados? Ímolo descubrir. Un conto musical para axudar os/as máis pequechos/as a comprender e expresar como se senten.
Patapatún tun tun | O Mago Paco
Neste divertido espectáculo O Mago Paco amosa a súa faceta máis tenra para achegarlles o mundo da maxia ás crianzas máis pequerrechas a través de xogos, disfraces, cancións, bonecos e historias. De repente, todo ten maxia. Só hai que berrar ben forte… Patapatún tun tun!
O cuco veu por acá e marchou por alá | Percubebés
Espectáculo musical participativo e pequeno obradoiro de percusión para bebés e familias, a cargo de Marcelo Dobode e Bea Martínez, dous artistas moi familiarizados coa educación musical na primeira infancia. Con eles, as crianzas e as súas familias adquirirán ferramentas para a execución musical experimentando con instrumentos diversos (pandeiretas, pandeiros, maracas…) e aprenderán cantiguiñas propias da nosa cultura.
Este programa está organizado polo SNL do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos, servizo financiado pola Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia.