Nas vésperas do Nadal, en Compostela viviremos a festa con máis Apego do ano. Música, contos, xogos, obradoiros, teatro… e moita, moita diversión daranse cita o 22 de decembro no Auditorio de Galicia.

Ademais, a proposta de actividade que vos facemos para este mes trata de que xoguemos ao vexo vexo desde as alturas para podermos observar tamén o Auditorio da nosa festa… unha subida ao monte de Deus para ver os lugares máis identitarios de Compostela: a Catedral, San Martiño Pinario, o monte Pedroso ou o mesmísimo Pico Sacro.

Lembrade logo que temos unha cita importante o sábado día 22 de 12 a 21 h na Festa do Apego do Auditorio de Galicia, onde poderemos gozar dun gran programa de actividades para socializar en galego durante toda a xornada: teatro e sensacións, contos, música, circo, audiovisual, recursos, feira… Irémosvos desvelando os títulos proximamente! Que emoción, verdade?!

Durante o resto do mes tamén haberá actividades en galego para seguirmos pulando por unha infancia con apego cara á lingua: un Obradoiro de xogos de mesa de Brazolinda no CC das Fontiñas cedido por Nadal en Rede da SXPL e varias actividades noutros centros cívicos do Concello dentro da Rede Cultural da Deputación como o Concerto didáctico de Mijail Moriatov, Pesdelán mini de Pesdelán, Días de conto de Títeres Cachirulo, Contacontos para familias do Proxecto Bulubú, A casa encantada de Alí de Fabaloba, Títeres en Igualdade de Toxos e Carrouchas ou A toda maxia do Mago Benxamín.

Consultade as datas e os horarios no noso programa:

apego.santiagodecompostela.gal

 

Pin It on Pinterest

Share This