xoanina

No apartado de descargas desta páxina poderedes atopar unha boa listaxe de bits para aprender xogando os nomes das cousas do universo infantil e mais dunha selección de animais cos que nos podemos atopar calquera día de paseo polo noso medio natural. Buscade en “De como se chaman“.

Pero… que é isto dos bits?

Os bits son un recurso didáctico dirixido a crianzas de entre 0 e 6 anos para mellorar a atención, facilitar a concentración e desenvolver e estimular a memoria e a aprendizaxe. A súa metodoloxía baséase en mostrar información visual e auditiva de xeito rápido mediante tarxetas de información e que os nenos e as nenas consigan identificalas e nomealas.

Ourizo, lavandeira, arroaz, sapoconcho, píntega… Os animais máis próximos preséntanse en dúas versións: nun arquivo de tarxetas para imprimir ou mesmo para ver na pantalla, onde se pode reproducir o audio co lector de códigos QR do voso móbil; e tamén varios arquivos para mostrar na pantalla as imaxes, cun audio asociado que se reproducirá se descargades os arquivos no voso equipo e activades o contido en 3D (normalmente aceptando a proposta).

Sabermos como se chaman os utensilios que empregamos a diario, cos que xogamos, cos que adormecemos, as pezas de vestir… é preciso para identificar o mundo que nos rodea. O outro grupiño de bits que atoparedes chámase “As miñas cousas”. Aparecen co mesmo formato que os dos animais e animámosvos a xogar con eles canto queirades nestes días de encerramento.

 

 

Pin It on Pinterest

Share This