definitivo_contos-no-parque-bonaval-2021

Nun espazo perfecto ao aire libre temos unha cita cos contos á que acudir coa cativada para escoitar, participar e gozar con Apego. Será no compostelán parque de Bonaval (na plataforma dos arcos) todos os martes de agosto ás 18 h.

Para seguirmos sendo prudentes, haberá limitación de prazas e, polo tanto, será necesario inscribirse previamente. Pode facerse desde o xoves anterior a cada cita en reservas.gal

Será obrigado levar a máscara e recomendamos tamén unha mantiña para sentar na herba!

Velaquí a programación:

 

Inacio Vilariño / “O espantamedos” / 3 de agosto

Idades recomendadas de 3 a 6 anos

O medo, a pesar de facernos vivir momentos indesexables, protéxenos de multitude de perigos e situacións que poden resultar prexudiciais. Por iso, desde sempre, os medos tiveron nome e imaxe. En Espantamedos propóñense un conxunto de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que, dun xeito ou doutro, sobreviven na sociedade galega dos nosos días.

 

Pérez&Fernández / “Rosa e azul” / 10 de agosto

Idades recomendadas a partir de 3 anos

Unha sesión de contos teatralizados que celebra a diversidade e que rompe cos estereotipos de xénero e o binarismo imposto desde que nacemos. A través da manipulación de xoguetes e monicreques artesáns, mesturaranse historias reais con contos de ficción que xiran en torno ao respecto, o amor, a tolerancia e a diversidade.

 

Soraya Lema / “Aldara na montaña” / 17 de agosto

Idades recomendadas de 3 a 6 anos

Unha contada teatralizada que nos presenta a historia dunha nena que inicia a súa primeira viaxe lonxe da casa. Aldara, logo dunha discusión co seu avó, decide fuxir cara á montaña dos Penedos de Pasarela e Traba. Na súa travesía comparte viaxe coa señora Lebre e o señor Pallaso e coa axuda da Aguia consegue chegar ao fogar das estrelas. Inspirada nos poemas de Pondal, constitúe unha historia de superación e de busca da identidade propia poñendo en valor o noso patrimonio natural e cultural.

 

Magín Blanco / “O que levamos nas maletas” / 24 de agosto

Idades recomendadas a partir de 3 anos

Un contacontos musicado que axudará os nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e pola música para que poidan crear o seu propio universo creativo.

 

Teatro Ghazafelhos / “A caixa sen Pandora” / 31 de agosto

Idades recomendadas a partir de 3 anos

Unha historia que propón unha pregunta: que pasaría se Pandora non abrise a caixa? De aquí parte un repaso divertido de mulleres que decidiron romper coa norma establecida e abrir a súa propia caixa iniciando un movemento imparable pola igualdade. Quereremos nós abrir a nosa propia caixa?

Pin It on Pinterest

Share This