outono-apegoEn marzo deste ano sete novos concellos asinaron a súa incorporación ao proxecto Apego, de socialización da infancia en galego, e agora comezan de maneira efectiva a desenvolveren o programa.

Xa son 30 os concellos participantes neste proxecto ao que nos últimos meses se lle outorgou o Premio Rosalía de Castro de iniciativas normalizadoras da Deputación da Coruña e mais o Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia na modalidade de Lingua.

Máis de 2.500 familias formalmente adheridas e que recibiron o material de benvida, máis de 400 actividades desenvolvidas ou preto de 250.000 visualizacións de vídeos son algunhas das cifras do programa.

Ademais de nos 23 concellos en que xa se viña desenvolvendo, agora está xa en marcha o proxecto Apego tamén en Lugo e Sada, e nos próximos meses estarao ademais en Cee, Nigrán, O Carballiño, Ponteareas ou Vilagarcía de Arousa, que se suman a Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo.

Despois dos primeiros dous anos e medio de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades, etc., sumáronse recentemente sete aos 23 concellos que o estaban a desenvolver. Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes (aproximadamente a metade da do país), entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

Boa acollida e recoñecemento

22309054_863613233807885_211410491934295308_nO proxecto Apego naceu para incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia, e o traballo, que cómpre fortalecer para ese obxectivo, está sendo recoñecido, algo que desde a organización agradecemos e polo que, ademais, felicitamos a toda a comunidade Apego, pois nos últimos meses outorgáronselle os dous máis importantes premios a iniciativas normalizadoras que hai no país: o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña e o Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia, na modalidade de Lingua.

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise, así, unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente máis de 2.500–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc., a través do sitio web www.apego.gal, ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia, etc.

Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego, para o que se levan desenvolvidas xa máis de 400 actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.). E neste 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa.

Pin It on Pinterest

Share This