O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña, convidou ás familias do programa Apego a participar na xornada de actividades que se desenvolverá en Pontevedra o sábado 27 de maio, a beira do río Lérez, no espazo natural da Illa do Covo, moi preto do Pazo da Cultura. As actividades son todas de balde, comezarán ás 12 da mañá, estenderanse ao longo de todo o día e non precisan inscrición previa.

O progfesta-apego-27-maio-2017rama comezará ás 12 da mañá e ofrecerá actividades simultáneas para poder escoller segundo as idades e os gustos das familias. A ampla proposta inclúe dous concertos: ás 13.15 horas Gatuxo de Magín Blanco e ás 19 horas Té, chocolate e café, de Golfiños; os obradoiros Percubebés, con Marcelo Dobode e Bea Martínez, en tres sesións: ás 12, ás 16 e ás 17 horas, e a alfombra máxica de Babaluva ás 12.45, 16.30 e 18 horas; contos de Raquel Queizás ás 16 horas, de Fedellas ás 18 horas e de Fátima Villamel ás 12 e ás 17 horas; camiñadas con Inacio Vilariño ás 12, 12.45, 16.30 e 18 horas e xogos con Xandobela ao longo de toda a xornada. Todas as actividades serán gratuítas; Percubebés  e a alfombra máxica de Babaluva teñen prazas limitadas que se cubrirán por orde de chegada.

Ademais, co obxectivo de crear un punto de encontro arredor da lingua, tamén se disporán espazos para descansar, xogar e aleitar; e un espazo de prado con sombra para xantar e merendar os alimentos que as familias leven. En caso de chuvia as actividades trasladaranse ao Pazo da Cultura e manterase o carácter gratuíto de todas.

Esta é a primeira vez que o programa Apego conta cunha xornada enteira de convivencia, sen límite de prazas e aberta a todas as familias interesadas en que as súas fillas e os seus fillos medren co galego como lingua de seu.

Máis información: http://www.pontevedra.gal/publicacions/Apego-na-Illa-do-Covo/#1

Agardámosvos en Pontevedra!

 

 

 

Pin It on Pinterest

Share This