Chegou o outono! Que pracer coller unha presada de castañas e ir coméndoas de camiño á casa! ou gardalas para ver unha peli no sofá á tardiña… Pero para as que non se conforman coas locomotoras de castañas da rúa e o acougo do sofá, propoñévosvos un plan máis arriscado: unha viaxe en tren! Esta é só unha das moitas actividades que vos presentamos na programación de outubro en Santiago de Compostela.

Podedes descargar o programa completo en:

http://apego.santiagodecompostela.gal

Neste mes de outubro destacamos tamén as actividades vinculadas ao XXII Festival Galicreques como: o percorrido desde a Alameda de Xigantes e Cabezudos os días 14 e 15 ás 13 h; o espectáculo de sombras chinesas Os golfiños e o xigante de Fantoches Baj o día 15 ás 12.30 h na Fundación SGAE; a obra Bala Perdida de Títeres Cachirulo o día 15 ás 18 h no Teatro Principal; a historia do zapato de cristal de Cincenta contada por Danthea Teatro o día 16 ás 18.30 h no CSC Santa Marta; As aventuras de Gale d’A Xanela do Maxín o día 17 ás 18.30 h no CSC Santa Marta; as formas animadas que nos ofrece Lafontana en Mamulengo Capiroto o día 21 ás 13.30 e ás 18 h na Alameda; o espectáculo de monicreques de luva Vacacións no mar de Micronimia Teatro de Títeres o 21 ás 19 h e o 22 ás 17 h na Alameda; e o Circo Galaico de Títeres Alakrán o día 22 ás 14 e ás 18 h na Alameda.

O programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia achegaranos ao universo de Carlos Casares n’A viaxe de Toribio de Sherezade Bardaji o día 20 ás 18.30 h no CSC Conxo; e á música coas Aventuras de Mamá Cabra o día 21 ás 18 no CSC Santa Marta.

Xogaremos e aprenderemos, así mesmo, co Faladoiro de crianza e bebeteca Montessori de Rachachán o día 25 ás 17.30 h no CSC O Ensanche; e cos precorridos propostos polo parque de Belvís, a viaxe en tren e todas as posibilidades que nos ofrece este outono recentemente estreado…

Pin It on Pinterest

Share This