Chega a canda o outono unha nova quenda de actividades do programa Apego, dirixidas a familias con crianzas de 0 e 6 anos. Desde o 1 de outubro e ata o 13 de decembro, estas poderán escoller entre distintas propostas que comparten dous obxectivos principais: facilitar recursos para activar a lingua desde o seo familiar e xerar espazos de socialización en galego. Toda a programación é de balde, mais cómpre inscribirse previamente, xa que a cabida é limitada. Á hora de adxudicar as prazas, terán preferencia as familias do concello de Pontevedra que formen parte do programa Apego. Para solicitar as actividades están activos dous formularios: un xeral para as actividades do Apego no outono e outro específico para as actividades Seres máxicos da nosa mitoloxía, que se desenvolven os sábados en horario de mañá.

Bebés de 0 a 3 anos
A música, o baile, a narración oral ou primeiros xogos serán parte fundamental das actividades dirixidas ás familias con bebés de 0 a 3 anos, que arrincan o xoves 1 de outubro con dúas sesións de Prende no colo, pensadas por Luís Prego e Samuel Soto para iniciar as crianzas máis pequenas na linguaxe, o ritmo e a melodía a partir de distintos temas e xogos tradicionais galegos. A programación continúa o venres 9 con dúas quendas da actividade Non é unha caixa, unha proposta do colectivo As Toupeiras, que colabora por primeira vez co programa Apego. Esta actividade sensorial e interactiva combina teatro, música en directo (clarinete e ukelele), narración oral e xogo libre, e está pensada para estimular a curiosidade das crianzas máis pequenas da casa, ao tempo que se fomenta o uso da lingua. Xa en novembro, a narradora oral Marta Ortiz ofrecerá dúas sesións de Onde nace a lingua, un canto coral ao galego e á nosa cultura deseñado en colaboración co filólogo Brais Gutiérrez, e que combina adiviñas, trabalinguas, contos rimados, acumulativos e encadeados con música e distintos obxectos, para dotar as familias dun mosaico de recursos vivos da nosa tradición oral. O 4 de decembro, da man de Atenea García e o seu Bichocas, as familias viaxarán a través do mundo animal por medio de distintos obxectos que lles axudarán a descubrir a riqueza léxica do noso idioma. E o día 11 de decembro será a vez doutra novidade: os Arrolos de Nadal, unha proposta participativa da Fundación Legar que combina música, canto e movemento acompasado, para aprenderlles ás familias distintas cantigas e tradicións propias do noso Nadal.

A partir de 3 anos
As familias con crianzas de máis idade poderán gozar de dúas actividades específicas. A primeira é un proposta ideada especificamente para o Apego polo docente e fotógrafo Xaime Fandiño: A volta ao alfabeto e 23 fotos, que se vai desenvolver en dúas partes, os días 16 e 23 de outubro. Trátase dun taller de creación dun libro fotográfico infantil para familias con crianzas a partir de 3 anos, no que fotografarán obxectos coa idea de recoller imaxes que sirvan para construír o seu primeiro alfabeto visual. Durante dúas sesións, as nenas e nenos participantes poderán descubrir como as imaxes serven para nomear, clasificar e contar historias. A actividade ten como obxectivo fomentar a creatividade, a atención á contorna, a alfabetización visual e o desenvolvemento da linguaxe. Ademais, cada participante levará para a casa un pequeno libro que recollerá as imaxes feitas polo grupo e servirá para repasar en casa o traballo realizado no taller. Pola súa banda, o venres 9 terá lugar a Verbateca, unha actividade organizada por Mekané para familias con crianzas a partir de 4 anos, na que se propoñerán distintos xogos e probas que haberá que superar para conseguir un tesouro de palabras fermosas.

De 2 a 6 anos
Para aquelas familias que teñan crianzas nos dous grupos de idade, Luís Prego e Samuel Soto ofrecerán unha sesión do obradoiro Para cantar e bailar, unha actividade para gozar en familia aprendendo cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados; para experimentar os primeiros pasos do baile tradicional e experimentar distintas melodías e ritmos.
Descarga o cartel coa programación do Apego no outono / Formulario de inscrición

Seres máxicos da nosa mitoloxía
Ademais, durante as fins de semana terán lugar cinco novas sesións da actividade deseñada polo Colectivo Xurelo e Ab Origine para darlles a coñecer ás familias do Apego con crianzas de máis de 3 anos os seres máxicos da nosa mitoloxía. Sereas, homes peixe, mouros, trasnos, tardos, dragóns, basiliscos e mesmo seres máxicos propios de Pontevedra, como os trubincos, o Urco ou o demo asubiador, serán protagonistas desta nova quenda de actividades, que se van desenvolver en horario de mañá os domingos 4 e 18 de outubro, 8 e 22 de novembro, e 13 de decembro, en distintas localizacións do concello.
As sesións, de hora e media de duración, constan dunha pequena explicación de carácter antropolóxico, un conto oral, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. Ademais, contan con acompañamento e xogos musicais da man de Marcelo Dobode. As xornadas están pensadas para que as familias entren en contacto coa antropoloxía da cultura propia dunha maneira interxeracional e lúdica, a través das figuras máis importantes do noso imaxinario mitolóxico, ao tempo que se fomenta o uso da lingua entre as crianzas.
Descarga o cartel coa programación de Seres máxicos da nosa mitoloxía / Formulario de inscrición

As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumárense aquí.

 

cartel_seres-maxicos_a3_outono apego_outono_2026

Pin It on Pinterest

Share This