Cada vez atopamos máis recursos en galego para os/as máis peques, e entre estes recursos queremos darvos a coñecer a web Do berce á rúa, unha proposta que, de seguro, lles vai encantar.

Do berce á rúa é un espazo web lúdico-educativo que, tal e como se reflicte no lema “achégalle o galego desde o berce”, busca a participación das familias na tarefa de incorporar o galego na comunicación familiar desde o primeiro momento. Así, neste web www.dobercearua.gal podemos atopar recursos lúdicos e educativos como contos, xogos, cancións, arrolos, primeiras palabras,… e tamén recursos moi útiles sobre a saúde, nomes en galego, consellos de crianza,…

Mais non só poden botar man destes recursos as familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, senón tamén os mestres e mestras de educación infantil que poden aproveitar esta ferramenta para traballar cos máis pequenos nas aulas.

Esta web, impulsada desde a Concellaría de Ensino e Bibliotecas do Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística,  foi creada en 2010 e actualízase periodicamente con novos recursos e materiais que van xurdindo, dándolle preferencia ao formato audiovisual, o que a fai moi práctica para os dispositivos electrónicos como tabletas ou teléfonos móbiles.

Entre as novidades que nos propón a web, temos novos vídeos sobre arrolos, contos, cancións, xogos,…; un vídeo de como facer un disfrace de árbore autóctona galega; ou animacións con diferentes temáticas como animais, bichos ou froita.

granxa

 

Pin It on Pinterest

Share This