– Vexo vexo

– Ti que ves?

– Vexo unha cousiña…

– Que cousiña é?

– É a Programación infantil con Apego de Ames. Os vindeiros meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño contarán cunha ampla e variada oferta de actividades lúdicas para que as familias e as súas crianzas compartan e gocen en conxunto. Á súa vez, ofrecerán recursos para unha crianza positiva, creativa e natural na nosa lingua. Pódese consultar o programa completo e a información detallada sobre cada actividade premendo nesta ligazón.

No abano de propostas que se ofertan podemos atopar actividades diversas que van desde a música, os xogos, os contos e os espectáculos teatrais, ata os obradoiros de relaxación e creación; todos eles na procura dun obxectivo: estimular o coñecemento e o apego polo noso.

Ademais, o sábado, 6 de maio celebrarase a IV Festa do Apego, unha xornada completa de actividades e recursos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia.

A presenza de Teatro ó Cubo, Vero Rilo e Luís Iglesias, Ghazafelhos Teatro, Os Sacapuntos (Montse Rivera, Roberto Comesaña e Xabier Iglesias), Esperanza Mara, Paula Quintas Cía, Anxo Moure, Cris de Caldas e Xabi do Camiño, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, Pavís Pavós, Ana Prema, Xisela Delgado e Uxía Lambona e a Banda Molona acompañaranos os próximos meses e encheraos de risas, apego, emocións, contos, diversión, teatro, música, cantos, baile, arrolos, danza, festa, aventuras, regueifas, xogos, obradoiros en familia e moitas moitas aprendizaxes novas.

Pin It on Pinterest

Share This