O outono está preto e Ames xa ten lista a programación infantil para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Durante este período, as familias con nenas e nenos poderán participar nunha ampla e variada oferta lúdica para todas as idades que lles achegue recursos para unha crianza positiva e creativa.  Podes consultar o programa completo premendo nesta ligazón.

Nesta programación teñen un papel predominante as actividades vinculadas co medio natural e coa ciencia. Así, en setembro presentarase a primeira ruta Apego de Ames, un tramo autoguiado da ruta das Ribeiras do Tambre situado na parroquia de Lens, con elementos informativos, de xogo e de descanso accesibles ás crianzas e que pretenden estimular o coñecemento e o amor polo noso patrimonio ambiental, cultural e lingüístico.

Cé Orquestra Pantasma, Eme2 Teatro, EducaTeatro, Teatro Avento, Migallas, Raquel Queizás, Celso Fernández Sanmartín, Marta Ortiz, Pakolas e Anxo Moure conducirannos por aventuras cargadas de contos, xogos, música e teatro ao longo dos vindeiros meses.

En outubro volverá o xa clásico Festival de Maxia do Concello de Ames, que encherá de fantasía os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro.

A ciencia será unha das protagonista do mes de novembro con encontros-charlas con dous dos divulgadores científicos máis prestixiosos do país, Angel Carracedo e Xurxo Mariño.

O cine tamén terá un papel central nese penúltimo mes do ano, pois será o momento do III Festival Internacional de Cine Infantil.

E para abrir o Nadal, o Apalpador volverá a Ames cargado de contos, cantos e agasallos máxicos para todas as crianzas.

Toda esta programación preséntase neste colorido folleto que leva na portada un recitado dialogado con instrucións para xogar en calquera lugar ou espazo.

Pin It on Pinterest

Share This