Música, teatro, obradoiros, contacontos, charlas, actividades ambietais, foliada… O Concello de Ames acaba de publicar a variada programación infantil organizada polos diferentes departamentos municipais para os vindeiros meses de marzo, abril e maio, con atractivas propostas para todas as idades.

folleto_programacion_apego1

Todos os luns marzo das 17.00 h ás 19.00 o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá o obradoiro de contacontos para nais e pais Dunha vez había… da man de Fabaloba. Unha actividade práctica dirixida a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos para aprender a transmitirlles mellor as historias, as emocións e a lingua ás crianzas.

De contos tamén se encheran as bibliotecas e os locais sociais de Bugallido e Augapesada durante estes vindeiros meses, coas sesións de contacontos da biblioteca e as de animación á lectura nas parroquias, todas elas con entrada de balde.

Música e teatro infantil
O 17 de marzo chega a Ames Paco Nogueiras co seu espectáculo Brinca Vai! 2.0. Será ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Unha semana despois, o 24 de marzo, ás 18.00 h na Casa da Cultura do Milladoiro representarase o espectáculo Sopa de sapo de Talía Teatro. Para finais de marzo queda a obra de monicreques Baila, Roque, baila, da compañía Baobab Teatro, dirixida a bebés dun ano en diante. Terá lugar o día 31, tamén ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

O sábado 1 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns teremos a adptación teatral do conto de Carlos Casares A galiña azul, realizada por Ubu Teatro coa vontade de transmitir a importancia da defensa da lingua, das diferenzas e da liberdade de expresión, a través da narración oral, dos monicreques e do clown. A programación con Apego continúa o 21 de abril coa compañía Redrum Producións que traerá a Ames o espectáculo A nena que quería navegar. Será na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18:00 horas.

E o 5 de maio ás 18.00 h, a Gramola Gominola encherá de humor, de rock e doutros ritmos de música moderna a Casa da Cultura do Milladoiro.

Obradoiros ambientais
Dende a Aula da Natureza continuan co programa A horta divertida. Esta actividade desenvolverase os días 18 de marzo, 29 de abril e 6 de maio, das 11:30 a 13:00 h nas hortas urbanas de Bertamiráns. A través destas xornadas os nenos e nenas de 3 a 6 anos achegaranse ao mundo da horta. Nas diferentes sesións mensuais, interactuarán coa terra, coas plantas, cos alimentos, coas flores e cos seus olores… seguindo o ciclo natural da horta, potenciando o gusto polo traballo en grupo e creando un espazo de socialización en lingua galega . Para inscribirse hai que chamar ao teléfono 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal

folleto_programacion_apego2

Foliada con apego
O venres, 7 de abril, chega a terceira Foliada con Apego. Será ás 17:30 horas no Pazo da Peregrina. A través desta actividade trátase de ir creando un espazo no que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións e se transmita a lingua de xeito natuiral e divertido.

Obradoiros musicais e charlas
O sábado, 29 de abril, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, terá lugar o obradoiro de nanas para acolar, da man de Ugía Pedreira, impulsora de aCentral Folque e integrante de grupos como Marful ou Nordestinas. Tratase dun obradoiro para aprender transmitir a lingua ás crianzas co poder emocional das nanas, arrolos ou cantos de berce. Está dirixida a familias con nenos/as de 0 a 3 anos ou que estean agardando un bebé.

O venres, 19 de maio, ás 18:00 horas, chegarán á Casa da Cultura de Bertamiráns os Fíos do querer, un espectáculo musical participativo de Cé orquestra pantasma, para familias con nenos/as de 0 a 5 anos, tecido coas agullas máxicas do amor, da lingua, dos bicos, dos aloumiños e das primeiras experiencias compartidas e celebradas.

O mes de maio pecha cun obradoiro impartido por Itos Lorenzo, psocomotricista e psicóloga clínica, sobre a importancia dos procesos de maduración para nenos/as de 0 a 3 anos. Será o día 29, ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina. Trátase dunha charla coloquio de achegamento práctico aos procesos de maduración que se dan de 0 a 3 anos que asentarán a personalidade futura.

 Para participar nestas catro últimas actividades hai que inscribirse nos prazos establecidos, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal

Pin It on Pinterest

Share This