O Concello de Ames presenta unha ampla e variada programación con Apego para a segunda metade de 2026. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos ás familias que faciliten a transmisión da lingua e favorezan unha crianza positiva e con moito apego polo noso. Pódese consultar o programa completo e a información detallada sobre cada actividade premendo nesta ligazón.
“A miña nena pequena, heina de mandar á escola,
heille de comprar un trompo e mais unhas castañolas”
Estes versos dunha cantiga de berce acompañan as buxainas coas que abre a programación Apego no Concello de Ames para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro.
Cé Orquestra Pantasma, a cooperativa Miudiño, Paco Nogueiras, Migallas Teatro, Bea Campos, Cris de Caldas e Miguel Froján, Raquel Queizás, Brais das Hortas, Iseo a Moura, Fundación Legar, A Cova das Letras (Cris Collazo, Sonia García e Sabela Galván), Sonsoles Penadique e Chechu Riquelme, o Apalpador, a Banda da Montaña… encherán os próximos meses de risas, apego, contos, diversión, teatro, cinema, música, humor, xogos, maxia, aventuras, obradoiros en familia e moitas moitas emocións compartidas e aprendizaxes novas.
Entre a variedade de propostas coas que encherán os vindeiros meses do 2026, terán presenza os xa habituais festivais de maxia (Festimax) e de cinema (Cinema Miúdo) que organiza o Departamento de Cultura do Concello de Ames e que en breve presentarán o seu programa específico.
Ademais, contaremos con propostas que acompañarán as celebracións propias destes meses do ano; así, teremos historias cun chisco de medo para caghar patatillas no Samaín e a sempre especial visita do Apalpador para recibir o Nadal.
Todas elas, actividades con moito Apego, co obxectivo de achegarlles ás familias recursos lúdicos, educativos e culturais que estimulen o coñecemento, a transmisión e o apego pola lingua.
Nesta programación colaboran os departamentos municipais de Biblioteca, Cultura e Normalización Lingüística na procura dun fin común: estimular a crianza en galego e o apego polo noso dun xeito lúdico e divertido.