Nun cabaliño gris Mara vai a París, ao paso, ao trote, ao galope, ao galope, ao galope! Este xogo abre a programación infantil con Apego do Concello de Ames para os meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño. Durante este período, as familias con nenas e nenos poderán participar nunha ampla e variada oferta lúdica para todas as idades que lles achegue recursos para unha crianza positiva e creativa.  Podedes consultar a programación premendo nesta ligazón.

Na proposta podemos atopar actividades vinculadas coa música, co teatro, co xogo, coa tradición oral, coa igualdade, co medio natural e coas experiencias sensoriais que pretenden estimular o coñecemento e o amor polo noso patrimonio ambiental, cultural e lingüístico.

Brais das Hortas, Baobab Teatro, Cé Orquestra Pantasma, Mamá Monete, Xandobela, Migallas Teatro,
Rilo & Penadique, Compañía Eléctrica, Os Náufragos Teatro, Iseo a Moura, Peter Punk, Anxo Moure, Pablo Díaz e Olga Kirk e O Baúl da tía Tola conducirannos por aventuras cargadas de contos, xogos, música e teatro ao longo dos vindeiros meses.

Esta programación pechará no mes de xuño coa III Festa do Apego prevista para o sábado 18 de xuño. Será unha xornada completa de actividades e recursos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia.

Todas estas actividades preséntanse neste colorido folleto que leva na portada un recitado dialogado con instrucións para xogar en calquera lugar ou espazo.

Pin It on Pinterest

Share This