O Concello de Ames presenta unha ampla e variada programación con Apego para a primeira metade de 2026, na que a música vai ter un papel relevante. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos ás familias que faciliten a transmisión da lingua e favorezan unha crianza positiva e con moito apego polo noso. Pódese consultar o programa completo e a información detallada sobre cada actividade premendo nesta ligazón.

“Caracol, caracol, deita os corniños ao sol”

Este dito popular acompaña a fermosa e colorida ilustración coa que abre a programación Apego no Concello de Ames do primeiro semestre de 2026. Un arco da vella-caracol que chama polas mil primaveras.

Artistas e creadores de contido como A Gramola Gominola, Peter Punk e Brais das Hortas, Galeatro Producións Escénicas, Migallas Teatro (Bea Campos e Alicia Otero), Ártika Cía, Fundación Legar, Cris de Caldas, Golfiños, Sabela Olivares, O Baúl da tía Tola e Os Jalochos encherán os próximos meses de risas, apego, contos, diversión, teatro, música, humor, aventuras, foliadas, obradoiros en familia e moitas moitas emocións compartidas e aprendizaxes novas.

Entre a grande variedade de propostas coas que festexaremos o ano de Begoña Caamaño inclúense actividades que van desde arrolos, concertos con música de diferentes estilos, obradoiros, teatro, contos, clown, unha foliada, xogos e unha festaza con moito Apego, todas elas co obxectivo de achegarlles ás familias recursos lúdicos, educativos e culturais que estimulen o coñecemento, a transmisión e o apego pola lingua.

Pin It on Pinterest

Share This