O Servizo de Normalización Lingüística de Ames, en colaboración coa Aula da Natureza, acaba de presentar a I Ruta do Apego, unha intervención nun tramo da ruta das Ribeiras do Tambre situado nos lugares de Lens e Oca. Ten como obxectivo estimular nas crianzas o coñecemento e a querencia polo noso patrimonio natural, cultural e lingüístico ao tempo que convida a gozar da fermosura e da riqueza ambiental que agocha o concello. É a primeira Ruta do Apego do Concello de Ames e conta con elementos informativos, de xogo e de descanso accesibles ás crianzas.

Esta ruta convídanos a descubrir o Camiño á Pedra de Xan Gómez, un camiño cheo de vida que agocha fermosas sorpresas. Ao longo do camiño atópanse topónimos que din como é o terreo, que vexetación predomina, que uso se lle daba, de quen era… e que convidan a empregar os cinco sentidos para descubrir a contorna e manter vivas as raíces que sosteñen o noso futuro.

A ruta divídese en dous treitos: o primeiro é o Camiño da Pedra de Xan Gómez, que transcorre a media ladeira por un camiño de firme compacto e irregular de terra con desniveis baixos. O percorrido, lineal, ten unha distancia de 1.7km de ida e 1.7km de volta, cunha duración estimada de 2.5h. É accesible con dificultade para carros e cadeiras de rodas. Polo camiño, rodeado de carballeiras e zonas repoboadas, podemos atopar acivros, espiños e estripeiros, e nas zonas húmidas destaca a presenza de fieitos e dalgún freixo.

A segunda parte da ruta, que leva ata o Apertado do Laxindo, descende en poucos metros ata a beira do río Tambre por un camiño de firme irregular e desniveis altos. Esta segunda parte, tamén lineal, percorre unha distancia de 0.6km de ida e outros 0.6km de volta, cunha duración aproximada de 1h. Non é accesible para carros nin cadeiras de rodas. O camiño atravesa carballeiras, repoboacións e zonas de cultivo ata rematar nun bosque de ribeira con fermosos exemplares de arborado autóctono.

Podes ver imaxes da ruta na páxina web do Concello de Ames e consultar a localización do inicio nesta ligazón.

 

 

 

Pin It on Pinterest

Share This