folleto-apego-compostela-maio-21_portada-01

Un xogo de cartas para agudizar a rapidez mental e visual cos produtos da horta! Só hai que imprimir e… a enredar!

No mes de maio podemos armar a nosa hortiña, xa sexa en testos no balcón, nun recuncho do xardín, nunha parceliña dun terreo particular ou comunitario… sempre lle imos tirar proveito! Toda a familia pode coidar da horta e descubrir cada día algo novo: froitos que agroman, unha folla que alguén quixo comer antes ca nós ou, con sorte, esta parella de ourizos cachos que nos vén botar unha man e come a quen comeu a folla.

As crianzas aprenden a cultivar os seus alimentos e iso prodúcelles moita satisfacción, alén de coñecementos de vital importancia para un futuro autosuficiente.

En Compostela hai espazos de horta comunitaria municipal en Belvís, nas Fontiñas, na Almáciga, na Caramoniña, nas Brañas do Sar, en Santa Marta e no Campo das Hortas. Podedes comezar por visitalas para coller azos ou tamén iniciarvos co xogo de rapidez mental e visual que vos vai no calendario deste mes. Non esquezades anotar nel as inscricións nas actividades do Espazo Apego que vaiades facendo!

Actividades no Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 – entresollado):

MARTES. Tardes de contos (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h. Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

MÉRCORESXogos de palabras (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h. As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvenos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.

XOVES. Imos propoñendo, de xeito alterno por semanas, una función ou un obradoiro Enredando.

Xoves de función ás 17.30 h:

  • 6 de maio “Extra!” de Paco Nogueiras (maiores de 4 anos). A actualidade convértese en melodía e canción neste xornal musical cheo de ritmo, bo humor e diversión: información de todas as temáticas, opinión, pasatempos…
  • 20 de maio Entre arrolos e contiños” con Migallas (de 6 meses a 4 anos). Sesión tranquila onde compartiremos contos con música da man de Bea Campos e o seu guitarrista:

“Abre os ollos, as orellas,
o nariz e a boca xa,
entre arrolos e contiños,
a sesión vai comezar”
.

Xoves en que non hai función ás 17.30 h:

Enredando (de 2 a 6 anos). Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes…

VENRES. Obradoiros para medrar (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h. Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza en paquetes mensuais para irmos tratando e afondando en temas de especial interese nas idades máis temperás. Combinamos o seu xogo coa nosa aprendizaxe. Para estas actividades non hai límite no número de persoas adultas por crianza para promovermos a educación familiar.

Cada venres deste mes abordarase un tema con cadanseu obradoiro práctico.

  • 7 de maio. Tema: medos e inquedanzas á hora de educar. Obradoiro: “Xogamos con caixas de luz”
  • 21 de maio. Tema: fomentar a autonomía. Obradoiro: “Plantamos unha semente”
  • 28 de maio. Tema: a identidade. Obradoiro: “Debuxamos a nosa silueta”

A inscrición para os venres do mes de maio faise a través do seguinte formulario. No correo de confirmación indicaranse os sinxelos materiais cos que acudir aos obradoiros.

 

Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa nesta mesma páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Pregamos que, como máximo, acuda unha persoa adulta por crianza.

Para anotarse cómpre entrar ir á sección de actividades, entrar na escollida, premer no formulario de inscrición e cubrilo. Os formularios estarán habilitados desde unha semana antes de cada convocatoria ata o día anterior á súa data. As prazas iranse asignando por orde de entrada e confirmaranse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado. En caso de querer anular a inscrición, para facilitar que acuda outra persoa da listaxe de agarda, pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de quince minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades éntrase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e con roupa cómoda). É obrigatorio o uso de máscara.

Descarga o calendario e o xogo

Pin It on Pinterest

Share This