Imos incorporando novos imprimibles, vídeos musicais…, que vos axudarán a enriquecer o mundo dos vosos fillos e fillas na nosa lingua.  Temos mesmo steakers coas emocións de Po que vos podemos enviar se os pedides nalgún dos servizos de normalización socios do Apego.

E, por suposto, tamén continúan os programas de actividades durante o verán. No mes de xullo, no Espazo Apego en Santiago (rúa da República do Salvador, 12 – entresollado), seguiremos todas as tardes de martes a venres con propostas para pasar un tempiño arredor dos contos, a música, as palabras e o xogo. Estade atentas porque temos algunha mudanza no calendario semanal que viñamos mantendo (os obradoiros para medrar pasan aos mércores) para intentar adaptarnos o mellor posible aos intereses das familias.

Vai o resumo:

MARTES. TARDES DE CONTOS (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h

Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

Inscrición para o 6 de xullo

Inscrición para o 13 de xullo

Inscrición para o 20 de xullo

Inscrición para o 27 de xullo

 

MÉRCORES. OBRADOIROS PARA MEDRAR (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h

Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza que se van desenvolvendo ao longo do mes, cunha sesión semanal. Tratan de temas de especial interese nas idades máis temperás e combinan a aprendizaxe das persoas adultas con actividades para a cativada. Para esta actividade non hai límite no número de persoas adultas por crianza para promovermos a educación familiar.

“A familia: inicio dunha nova andaina”.

Os mércores deste mes afondaremos nas peculiaridades e na cultura interna dos diferentes tipos de educación na familia. Un dos maiores retos é decidir e asumir como imos educar as  nosas crianzas, que valores imos ter en conta e cal vai ser a nosa postura na vida familiar. A observación, a intuición e a coherencia axudarannos a respectar o propio proceso do seu desenvolvemento e responder con máis exactitude ao que precisan.

Para as nenas e nenos:

  • 7 de xullo “Xogamos co xornais”
  • 14 de xullo “Fabricamos sales de cores”
  • 21 de xullo “Pintamos con crema de ovo”
  • 28 de xullo “Facemos masa de pan”

A inscrición das familias para os obradoiros é única para todo o mes neste formulario. No correo de confirmación indicaranse os sinxelos materiais cos que acudir aos obradoiros.

 

XOVES DE FUNCIÓN. Ás 17.30 h

  • 1 de xullo “Arrolos e colos musicais” con Leticia Falcón (de 0 a 4 anos). Traballar a música, así como a lingua primeira, é do máis importante, pois fomenta a aprendizaxe dun xeito natural para achegarlles ás crianzas unha experiencia rica tanto no vocabulario lingüístico como na linguaxe sonora.
  • 8 de xullo “Estimulación musical temperá” con Leticia Falcón (de 0 a 4 anos). A especialista en estimulación musical temperá Leticia Falcón ofrécenos un obradoiro con música en directo para achegar as crianzas á música e á lingua. Neste obradoiro poderase ver a música empregando materiais inéditos e ferramentas musicais básicas.

 

XOVES. ENREDANDO (de 2 a 6 anos) Ás 17.30

Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes… os xoves que non temos función:

Inscrición para o 15 de xullo

Inscrición para o 22 de xullo

Inscrición para o 29 de xullo

 

VENRES. XOGOS DE PALABRAS (de 3 a 6 anos). Ás 17.30

As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvennos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.

Inscrición para o 2 de xullo

Inscrición para o 9 de xullo

Inscrición para o 16 de xullo

Inscrición para o 23 de xullo

Inscrición para o 30 de xullo

 

Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa.

O acceso aos formularios de inscrición atópase en cada apartado desta nova, na axenda de actividades ou na web do Departamento de Lingua do Concello de Santiago.  O prazo remata ás 12 h do día anterior a cada unha.  As prazas asígnanse por orde de entrada das inscricións e confírmanse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado unha vez pasada esa hora. En caso de que queden prazas libres, o formulario poderá permanecer aberto un día máis pero é preciso asegurase de que se recibiu a confirmación para poder asistir á actividade.

Para anular a praza ou calquera outra incidencia pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Pregamos que nas actividades dirixidas a nenas e nenos acuda como máximo unha persoa adulta por crianza.

Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de quince minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades éntrase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e con roupa cómoda). É obrigatorio o uso de máscara.

Pin It on Pinterest

Share This