
CONTOS NO PARQUE 2026
Martes de agosto. 18 h. Parque de Bonaval (plataforma dos arcos)
Mantiña, merenda… con contos, cantos, monicreques…. As actividades do Apego saen fóra no mes de agosto e invítanvos a vir escoitar, participar e socializar en galego todos os martes ás 18 h no parque de Bonaval (plataforma dos arcos).
O acceso é aberto e de balde.
04/08/2026
Compañía Galeatro. “Hotel Paraíso” (+4 anos)
Alba cóntanos a historia do seu avó que traballou de botóns nun hotel moi especial: o Hotel Paraíso. O seu avó tiña un don especial: era capaz de facer feliz a todas as persoas que pasaban por alí.
Alba admírao profundamente e quere ser coma el. Por iso presta moita atención a todo o que sucede no hotel, ás historias que se esconden entre os seus corredores e habitacións.
Porque en cada habitación do Hotel Paraíso hai unha emoción agochada: a ira, a alegría, o medo, o asco…Emocións que agardan ser descubertas, escoitadas e contadas.
11/08/2026
Pérez & Fernández. “Umami” (+4 anos)
Contacontos participativo que convida a saborear historias coa mesma curiosidade coa que se descobren os sabores.
A través dunha escolma de contos cheos de humor, emoción e tenrura, este espectáculo achega relatos que falan de igualdade, diversidade, feminismo e de novas masculinidades, poñendo no centro o respecto, a empatía e a liberdade de ser e sentir.
Un espectáculo para degustar sen présa, onde cada conto deixa un pouso especial. Umami é o quinto sabor: o que non é doce, nin salgado, nin amargo, nin acedo; existe porque se mesturan cousas. Como a diversidade: non é rosa nin azul, non é unha soa categoría.
18/08/2026
Cris de Caldas. “Tantarantiña” (+0 anos)
Este repertorio nace do amor pola tradición popular e polas historias eternas.
Do escoitar, do contar, nace esta recompilación que reúne contos pequenos, rimas, arrolos e xogos de palabras da tradición oral, deses que se contan coa voz, co ritmo e, ás veces, cunha boa gargallada polo medio.
Algunhas son historias herdadas e outras, os contos favoritos de xeración en xeración. Todas elas pensadas para os primeiros oídos curiosos.Neste caso a proposta é sen acompañamento musical.
25/08/20246
Brais das Hortas. “Comisión de Festas” (+3 anos)
Brais das Hortas ten un plan : armar a festa! Pero non o pode facer só, precisa unha Comisión de Festas.
Neste novo espectáculo que mistura música, clown e teatro, Brais das Hortas transformará o escenario nun torreiro en festas coa axuda do público. A música, o baile, a risa e a interacción co público irán transformando pouco a pouco o escenario nun campo da festa.
E aínda hai máis! Unha galiña cantando con autotune en Tarde piaches, un baile orgulloso e diverso a peito aberto e peludo, moi peludo, en Peito Lobo…
Disto vai Comisión de Festas, de darnos conta de que, se nos xuntamos, podemos encher o mundo de alegría.