ARROLOS, RECITADOS E XOGOS

Está demostrado cientificamente que os bebés perciben os sons a partir do sexto mes do embarazo e, dende o nacemento, recoñecen a voz da nai e do pai, que lles proporciona acougo e seguridade nun medio aínda descoñecido e incerto.

Nestes primeiros momentos, os arrolos, cantigas de berce ou cancións de anainar transmítenlles serenidade e favorecen o sono, ao tempo que contribúen ao establecemento dun vínculo afectivo extraordinario entre o adulto e a crianza.

Os xogos iniciáticos, ademais de proporcionar entretemento e diversión, contribúen a afianzar eses lazos de afecto e responden ás necesidades infantís apropiarse do mundo e de sentir, coñecer e dominar o propio corpo; favorecen aspectos motrices como a coordinación xeral e o equilibrio, o desenvolvemento sensorial e a adquisición e o desenvolvemento da linguaxe.

A literatura galega tradicional e o noso patrimonio lúdico e musical constitúen un valiosísimo recurso para fortalecer os vínculos afectivos, iniciar os nosos fillos e fillas na lingua galega e contribuír a sentar as bases da súa identidade.

Ofrecémosvos aquí unha escolma de arrolos, recitados e xogos da tradición oral galega para crear apego dende os primeiros momentos.

Son moitos os cambios físicos que se producen durante a xestación e non é doado adaptarse á nova situación. Xa durante o terceiro trimestre os cambios son máis evidentes e aumentan as molestias; o exercicio moderado, o descanso, os bos hábitos alimenticios e, sobre todo, seguir os consellos médicos, axudarán a levalo mellor.

Se tes calquera dúbida, diríxete á túa matrona ou ao teu médico ou médica, e eles daranche toda a información e axuda que precises.

 

ARROLOS

Durme, meu neno
Durme, meu neno, durme, meu sol,
durme anaquiño do meu corazón.

Se este neno me durmira,
eu me ía remendare,
a camisa de seu pai,
para mañán traballare.

 

Durme, meu neniño, durme
Durme, meu neniño, durme;
durme, meu pequerrechiño,
que teu pai vaiche traer
da ribeira un paxariño.

 

O meu neno está no berce,
os ollinos vai pechar,
canta o moucho, cae a noite,
o meu neno dorme xa.

 

Arroró, meu neno, arroró,
vente comigo que che canto arroró.

 

Esta neniña ten sono
Esta neniña ten sono,
esta nena sono ten,
esta neniña ten sono,
quere que lle cante ben.
 

Esta neniña ten sono,
ten ganiña de durmir,
ten un olliño cerrado
e outro non o pode abrir.

 

A neniña ten soniño,
a neniña sono ten,
a neniña ten soniño
porque súa nai non vén.

 

O meu neno está no berce

O meu neno está no berce,
os olliños vai pechar,
canta o moucho, cae a noite,
o meu neno dorme xa.

Paxariños que voades

Paxariños que voades
polas follas dos loureiros,
deixade durmir o neno,
que está no sono primeiro.

 

Durme, durme, meu neniño,
durme meu neniño neno,
que anda o gato murador
tras do ratiño Furelo.

 

O meu meniño é unha rosa,
heille de dar un biquiño,
porque caladiño dorme
porque dorme caladiño.

 

Miña boca que te abres

Miña boca que te abres
con ganiña de te abrir,
é sinal de que tes fame
ou ganiña de durmir.

 

Arroró, meu neno
arroró, meu sol;
arroró, anaco
do meu corazón.

Esta nena linda

Esta nena linda
que naceu de día
quere que a leven
a unha romaría.

E durme, neniño

E durme, neniño,
que aí ven o cocón
vai levar os nenos
que non dormen, non.

Durme neno, durme

Durme neno, durme,
que teño que facer:
lavar os cueiros,
bordar e coser.

Este neniño ten sono

Este neniño ten sono
ten ganiña de durmir
ten un olliño pechado
outro non o pode abrir.

 

E ru e ru,
meu corazón;
durme, neniño,
que aí vén o cocón.

 

Esta neniña ten sono,
o soniño non lle vén;
vente sono, vente sono
que ela durmir dorme ben.

 

E ru e ru
meu corazón;
durme, neniño,
que aí vén o cocón.

 

Esta neniña pequena

Esta neniña pequena
heina de aprender a todo
a amasar e a peneirar
e a botar o pan no forno.

 

Esta neniña pequena
quen lle ha de dar a teta
o papá vai no muíño
a mamá na herba seca.

 

Esta neniña pequena
quen a vai aturular,
súa nai vai no muíño
e o seu pai traballar.

 

Esta neniña pequena
heina de levar á feira,
por un pano de rosquillas
heilla dar a quen a queira.

 

Esta neniña pequena,
pequeniña coma un rato,
heina de levar á feira
vestida de maragato.

 

Esta neniña pequena
heina de mandar á escolar,
heille de comprar un bombo
e mais unha castañola.

 

Hai que pequeno tan lindo...
Hai que pequeno tan lindo,
tan bonito non o hai.
Vou comerlle a cara a bicos,
de bonitiño que está.

 

E durme meu neno, durme meu amor,
que saíu a lúa, tamén dorme o sol,
e durme meu neno, durme meu amor.

 

O meu meniño pequeno,
pequeno como lle eu quero,
cunha vara e media de tea,
fágolle un vestido e medio.

 

PARA XOGAR COAS MANS

Este é o dedo maimiño

Ao tempo que se recita, en cada verso collemos un dedo do/a neno/a, empezando polo maimiño.

 

Este é o dedo maimiño,
este é o seu sobriño,
este é o maior de todos,
este é o furabolos
e este é o matapiollos.

Este foi ao mar e non trouxo nada

Ao tempo que se recita, en cada verso collemos un dedo do/a neno/a, empezando polo maimiño.

 

Variante 1

Este foi ao mar e non trouxo nada,
este foi á vila e trouxo pescada,
este lavouna, este coceuna
e este larpán comeuna.

 

Variante 2

Este foi ao monte,
este colleu leña,
este foi aos ovos,
este fritiunos
e este gordiño comeunos todos.

 

Variante 3

Este foi á praza,
este limpou o peixe,
este cociñouno,
este puxo a mesa
e este gordiño comeuno todo.

Man mortiña
Agarramos a man do/a neno/a polo pulso e abaneámola, ao tempo que se recitan os versos. No último verso, batemos coa man do/a neno/a na súa meixela.

 

Variante 1

Man mortiña,
man mortiña,
vai bater
na túa cariña.

 

Variante 2

Man morta,
man morta,
peta
na túa porta.

 

Variante 3

Manciña morta,
manciña morta,
vai petar
á túa porta.

Palma, repalma

Mentres se recitan os catro primeiros versos, fanse círculos co furabolos sobre a palma da man do/a cativo/a. Para rematar, se a resposta é “grande”, dámoslle unha palmada na man; se a resposta é “pequena”, facémoslle unha caricia ou dáselle unha palmada moi suave.

 

Palma, repalma,
moza morena,
como a queres:
grande ou pequena?

 

Grande! / Pequena!

Seca, seca, pandeireta

Cántase mentres se axitan as mans, para secalas despois de lavalas.

 

Seca, seca, pandeireta,
que che dou unha peseta.
Seca, seca, pandeirón,
que che dou un patacón.

Toca palmiñas

Recítanse estes versos dando palmas, para que o/a pequeno/a imite os nosos movementos. Pódese cantar alternando “que vén a mamá” con “que vén o papá”.

 

Toca palmiñas,
que vén o papá/a mamá.
Toca palmiñas,
que axiña virá.

Puño, puñete, cascabalete

Mentres se vai recitando, colócanse os puños pechados un enriba do outro ata o último verso. Neste, mentres se pronuncia, as mans xiran unha arredor da outra cara adiante e remátase facendo un ruído continuado coa boca pechada.

 

Puño, puñete, cascabalete,
que ten por dentro?
Pan balorento.
Que ten por fóra?
Toca a viola!

PARA LER

Ábrete libro

Ábrete libro,
fala para min,
cóntame as cousas
que eu inda non vin.

Ábrete libro

Ábrete libro,
fala para min,
cóntame as cousas
que eu inda non vin.

A curuxa, a curuxa

A curuxa, a curuxa,
fainos shhhhhhhh
fainos shhhhhhhh
para que escoitemos,
para que escoitemos,
shhhh, shhhh, shhhh…

PARA XOGAR NO COLO

Este olliño, pispillín

Mentres se canta ou recita, aloumíñanse as partes do corpo que se van nomeando. No último verso faise que se lle arrinca o queixo/o nariz, colléndoo cos dedos. Para rematar, introdúcese o polgar entre os dedos índice e maior e amósaselle, coma se fose o queixo/nariz. Nas dúas últimas variantes, hai que remexer o pelo do/a pequeno/a.

 

Variante 1

Este olliño, pispillín;

este olliño, pispillán;

este nariz, nariceiro.

Esta boca pide pan,

este queixo non llo dá.

Arríncate, cabalán!

Variante 2

Este queixo, queixolán;

esta boca pide pan,

este nariz, naricete;

este ollo revirete,

este seu irmán…

Arríncate gavilán!

Variante 3

Este queixo, queixolán,

esta boca pide pan,

este nariz, naricete,

este ollo, pisperete

e estoutro, o seu irmán,

esta testa, testalán,

arriba, rabo de can!

Variante 4

Este queixo, queixolán;

esta boca pide pan;

este nariz, petenís;

estes ollos, de perdiz;

esta testa, testarruda;

e esta cabeza…

peluda!

Tantarantán tarantán tarantiniña

Mentres se cantan estas cantigas, acaríñase a barriga do bebé facendo círculos. Pódense repetir tantas veces como se queira e rematar facéndolle cóxegas.

 

Variante 1

Tantarantán tarantán tarantiniña,
o que non come non ten barriguiña.
Tantarantán tarantán tarantola,
o que non come non ten barrigola.

 

Variante 2

Trispilistrás, trispilistriñas,
o que non come non ten barriguiña.
Trispilistrás, trispilistrolas,
o que non come non ten barrigola.

O muíño a moer

Cando se di “collinos polo rabo” túrraselle con suavidade polo pelo ao/á cativo/a e cando se pronuncia “collinos pola orella” túrraselle por unha orella.

 

O muíño a moer
e os ratiños a comer.
Collinos polo rabo
e boteinos nun tellado.
Collinos pola orella
e boteinos á canella.

Orelliña vai á leña
Cóllense coas mans as orellas do neno/a e móvense.

 

Orelliña vai á leña,
que chova, que neve,
non veñas sen ela.

Carrapeta foi á leña

Túrraselle dunha e doutra orella, alternativamente, mentres se recita.

 

Carrapeta foi á leña,
luns vai,
martes chega.
Aí vén Carrapeta
cun feixe de leña.

Esta é a noite
Cóllese a man do neno/a, que debe estar aberta. Ao tempo que se recita, vaise alternando a posición da man, coa palma cara arriba e coa palma para abaixo, e remátase cunha azoutiña no cu.

 

Esta é a noite,
este é o día,
este é o cu
da tía María.

A, e, i, o, u,

Mentres se recita, dánselle azoutiñas.

 

A, e, i, o, u,
azoutiñas no teu cu.

PARA XOGAR NO COLO

Arre!, cabalo

Coa criatura sentada no regazo e collida polas mans, móvense as pernas arriba e abaixo, ao compás da cantiga, imitando o galope dun cabalo. No último verso, empúrrase o neno ou a nena cara atrás, facendo que cae.

 

Arre!, cabalo

que vas montado.

Levas as tripas

por baixo do rabo;

tres por riba,

tres por baixo,

ata caer do cabalo abaixo.

Nun cabaliño gris
Co neno ou coa nena cabalgando sobre a perna e collido/a polas mans, danse chimpos coas pernas, ao tempo que se recitan os versos. Acelérase o ritmo dos saltos a medida que avanza o recitado.

 

Nun cabaliño gris,
este meniño foi a París.
Ao paso, ao paso;
ao trote, ao trote;
a galope, a galope, a galope!

Aserrín
Séntase o neno ou a nena no regazo de fronte e balancéase adiante e atrás, con cada verso. Co último verso danse tres sacudidas.

 

Aserrín,
aserrán
os madeiros
de San Xoán.
Os de enriba
serran ben
e os de embaixo…
Tamén, tamén, tamén.

Serra, serra

A criatura pode estar dereita ou sentada no colo para poder abaneala adiante e atrás agarrada polas mans sen cambiala de lugar.

 

Serra, serra,
ti polo mar,
eu pola terra.

Xan Perillán
Co bebé sentado no regazo fronte á persoa e agarrado polas mans, móvense as pernas arriba e abaixo ao compás do recitado, imitando o galope dun cabalo.

 

Xan Perillán,
a cabalo dun can;
o can era coxo,
tirouno nun pozo;
o pozo era frío,
tirouno nun río;
o río era brando,
tirouno nun campo;
o campo era duro,
rompeu o bandullo.

Tan, tan...
Coa criatura sentada no regazo de fronte e agarrada polas mans, arrandéase adiante e atrás, imitando o movemento das campás. Cando se di “Quen lle repenica?” fanse tremer as pernas.

 

—Tan, tan…
—Quen morreu?
—O sancristán.
—Quen lle toca?
—O seu irmán.
—Quen lle repenica?
—A tía Marica.

Eu teño un cabalo

Co cativo/a sentado a carranchapernas e agarrado polas mans, móvense as pernas arriba e abaixo ao compás da cantiga, imitando o galope do cabalo. A segunda estrofa cántase moi lenta, simulando estar cansado/a, mentres que a última recítase moi rápida.

 

Eu teño un cabalo
que se chama Pichirilo,
Pichirilo rilo rilo,
Pichirilo rilo ra.

 

E nas subidas,
Pichirilo está cansado,
está cansado sado sado,
e xa non pode ir máis.

 

E nas baixadas,
Pichirilo é unha bala,
é unha bala, é unha bala,
e xa non pode parar.

PARA RECOLLER OS XOGUETES

A gardar, a gardar

Variante 1

A gardar, a gardar,
cada cousa ao seu lugar,
a gardar, a gardar,
que a outra cousa imos xogar.

Variante 2

A gardar, a gardar,
cada cousa ao seu lugar,
sen romper, sen romper,
que despois hai que volver.

PARA PRESENTARNOS

Ola mamá

Cántase movendo e xirando as mans; cada vez que se menciona unha persoa distinta cámbiase de man. Apláudese cando o/a neno/a presentado/a contesta “ben”.

 

Ola mamá,
ola papá,
ola (nome do/a neno/a)
ola, como estás?

PARA PEDIR DESEXOS E BICOS

Voa, voa, voa

Ponse a xoaniña enriba da man e cántase ata que voa; daquela é cando se pode pedir un desexo.

 

Voa, voa, voa,
xoaniña voa
que che hei de dar
pan con cebola.

 

Voa, voa, voa,
xoaniña voa
que che hei de dar
pan de broa.

 

Voa, voa, voa,
xoaniña voa
que teu pai vai en Lisboa.

Aperta, aperta

Díselle ao neno ou á nena para lle pedir un bico mentres se lle dá.

 

Aperta, aperta,
corazón de manteiga.

Para a elaboración desta compilación de arrolos, recitados e xogos procedentes da tradición oral galega, utilizáronse as seguintes fontes:
  • PREGO, LUÍS: Xogos musicais. Ponte Caldelas: Edicións do Cumio, 2013
  • VARELA VÁZQUEZ, B. (comp.): Arrolos e rodas. Textos populares. A Coruña: Everest Galicia, 2008
  • www.orellapendella.org
  • Material recollido entre a veciñanza da Baña, de Arteixo e de Redondela e polo equipo docente da escola infantil de Rois A Galiña Azul entre as familias usuarias

Pin It on Pinterest

Share This